Zouma Records súmase ás homenaxes no ano das letras dedicado a Lois Pereiro, coa edición dun Libro-CD que leva por título “Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro”. Unha aproximación á poesía do autor a través da palabra, a música e a imaxe.
No traballo, Alexandro González pon música a oito textos do poeta, que son recitados por persoas do mundo da cultura galega como son Uxía Senlle, Luis Iglesia, Xosé Luis Rivas “Mini”, Xabier Deive, Lino Braxe, Julian Hernández e Antón Patiño. A edición conta ademais coas ilustracións de Pedro Villarejo, que fai unha emotiva aproximación visual ao mundo de Lois, e os textos de Xosé Manuel Pereiro, no prólogo, e Lino Braxe, coa súa personal elexía a Lois Pereiro.
Unha coidada edición de 52 páxinas, con tapas duras e CD incluído, que nos transporta ao mundo de Lois Pereiro cunha selección de oito poemas musicados e ilustrados dende a propia esencia da súa poesía.
“Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro”. 2011 Zouma Records.
Música: Alexandro González
Ilustracións: Pedro Villarejo
Textos: Xosé Manuel Pereiro, Lino Braxe, Alexandro González